Millo Verde

Normas e Recomendacións

Non se pode acceder con cans

Dende xa fai uns anos non se permite acceder con cans ao recinto, nin durante as actividades de día nin tampouco nos concertos de noite.

Non se permiten raves no exterior do recinto

Este tipo de actividades alleas ao festival, con equipos de son autoamplificados, perxudícannos moito. Nós só somos responsables do que acontece dentro do recinto, polo que pedimos a vosa colaboración e que procuredes ser o máis respectuosos posible tanto coa organización como coa contorna do festival.

Respecta as Zonas de Aparcadoiro

A praia de Cesantes ten un aforo limitado, polo que chegado un momento, pode ser difícil aparcar nas súas inmediacións. Hai aparcadoiros gratuitos por toda a praia e tamén espazos de xestión privada. Aínda así aconsellamos utilizar os lugares habilitados ou indicados pola organización, e non aparcar en zonas prohibidas nin na estrada de acceso á praia, xa que iso pode supoñer multas da policía e dificultar o acceso dos vehículos e dos buses.

Aparcar sen xeito pode facer que as lanzadeiras non poidan pasar, e pode molestar moito.

Aparcar sen xeito pode facer que osVEHÍCULOS DE EMERXENCIAS non poidan pasar e isto pode custar vidas.

Facilitamos BUS LANZADEIRA GRATUITO dende Redondela — chamámoslle MILLOBUS. Tamén farán parada no APARCADOIRO DE SAN PEDRO, onde podedes deixar os coches se aínda hai oco e chegar ó festi dende esa zona de Cesantes sen problema — dependendo do día, incluso dar un paseíño con preciosas vistas da ría. Podes consultar máis información no apartado MOBILIDADE.

Coida a Contorna

Garda o teu vaso para que te acompañe toda a finde, incluso toda unha vida. Tamén podes traer o teu propio vaso, iso si, de 40cl!

Intenta ser o máis respetuoso co medio: utiliza os contedores, non tires cabichas nin plásticos... en definitiva, NON SEXAS PORQUIÑO NIN PORQUIÑA.

En definitiva:

Que un festival coma o Millo Verde se poida facer aquí, na área recreativa da praia de Cesantes, grazas a unha asociación sen ánimo de lucro formada por persoas voluntarias, é algo que roza a fantasía. Pero para que isto sexa posible, temos que lembrar que estamos nun espazo natural protexido pola rede Natura, e iso implica responsabilidade. Conseguir os permisos non é nada doado, e mantelo limpo depende de todas.

Entre todas podemos garantir que o Millo Verde siga enchendo Cesantes de música e vida por moitos anos máis.

Por iso, pedímosvos un pequeno esforzo: coidemos o lugar, respectemos a contorna e fagamos do Millo Verde un exemplo de convivencia e compromiso colectivo.