Pan de Capazo

Despois deste tempo, meses, anos de silencio e introspección, de percorrer outros camiños, de buscar por dentro e por fóra, volvemos cargar os instrumentos nunha furgoneta. Neste tempo cruzamos océanos de incerteza, pasaron cousas terribles e cousas moi fermosas.
Fixémonos vellos…
E tamén nenos.
Choramos, pero non deixamos de cantar.
As amizades, as colleitas, os animais, o Océano e a Montaña, a conciencia dun pasado, dunha tradición, de que formamos parte de algo que non entendemos, e de que todo é transitorio e á vez para sempre…
As cousas son, pero tamén hai unha pequena parte que depende de nós, e de como queremos que sexan e sigan sendo. Por iso volvemos gardar a nosa música nas vellas maletas e poñemos rumbo ao Norte. Ao encontro, ao abrazo, por quen está, e por quen marchou pero segue estando.
Cun agradecemento infinito a quen nos quere, nos apoia, a quen estivo todo este tempo aquí e no camiño, con nós…
…Pan de Capazo para sempre!!!