Sun Iou

Sun Iou
Teis - Galiza
Sun Iou é como se dí na variante do galego falado en Goián, ao sur da Galiza. O nome é unha reivindicación da autenticidade deste proxecto nacido no barrio vigués de Teis.
As melodías e letras xurden primeiramente no imaxinario creativo de Tamara Martínez, a música vai pasando pola peneira de Evaristo Alejos e coas súas aportacións van conformándose os temas. Os dous deciden comezar a facer probas de gravación na casa que pouco a pouco van compartindo cos seus achegados. Mikele Fagá (técnico de son no mítico estudio vigués dos 90 Sonoroterapia) deixase conquistar pola proposta e súmase ao dúo dándolle un novo pulo e consolidando o proxecto
con ilusión de futuro. Mikele elabora as bases de batería, os debuxos das guitarras eléctricas e inclúe pinceladas sinfónicas que aportan cor e profundidade aos temas.
Buscando masterización contactan con Lolo Arincón de Xonix Records quen, ao escoitalos, proponlles o seu apoio como selo discográfico. Lolo realiza unha nova mestura e encárgase do máster facendo que o disco poda competir a nivel técnico en calquera medio de difusión. É cando remata a gravación cando comezan os ensaios e deciden incorporar novos membros á banda para levar os temas ao directo.
Así SUN IOU queda conformado do seguinte xeito:
Tamara Martínez : voz e teclados (Nen@s da Revolta, Os Putos, Residuos Atractivas...)
Evaristo Alejos (Alex): baixo e voz (Os Folieiros de Lavadores, Residuos Atractivas...)
Mikele Fagá: guitarra solista e arranxos. (Skacha, Keltoi, Soak ...)
Elías Díez: guitarra rítmica (Nen@s da Revolta, Os Putos...)
Lara Villaverde: voz (Terapia de Grupo...)
María Pérez: voz e pandeireta (Songodin ́s, batukada Levada Arraiana...)
Marta Sueiro: gaita (Lumieiras do Morrazo, Saramaganta, Trevo...)
Abel Magallanes: batería (Zaius...)
En resumo, máis de dous anos de traballo intenso e constante teñen como resultado as 10 cancións que forman parte do primeiro álbum de SUN IOU titulado “Agora”. Coidada mestura de rock&roll e tradición con engaiolantes harmonías vocais.